Valente e vangardista… Coma os que saben o que fan, coma os que non teñen por que dar explicacións a ninguén, María do Ceo mestura nun mesmo soporte musical o himno galego, tan demandado polos seus admiradores do alén do mar, co “Alfonsina y el mar”, tan demandado, asemade, polos desta beira do Atlántico. Un “Alfonsina y el mar”, amais, que fai homenaxe á recentemente finada Mercedes Sosa, e ós corenta anos da primeira gravación desta peza dedicada á poetisa Alfonsina Storni polos arxentinos Ariel Ramírez e Félix Luna. Con valentía e porque lle peta, María do Ceo presenta dúas músicas compostas por ela mesma a dous escollidos poemas de Don Ramón Cabanillas, e sete máis a outros tantos dun tolo letrista nado en Vigo (porque os da Guarda tamén nacen onde lles peta) e sementador de garavanzos, modestia fóra, nas terras de “onde o mundo se chama Celanova”. Con madurez e universalidade, María do Ceo engade ó repertorio unha canción brasileira de Paulo Borges titulada “cabecinha no ombro”, interpretada ó piano por Cristina Pato, e ó violonchelo por Xurxo Lois; coa mesma instrumentación e intérpretes, no “Badal da Berenguela”, tributa unha chiscadela de ollo ó ano santo, dende o punto de vista dos que fan o camiño ó andar. María do Ceo converte en vangarda o máis tradicional, e o vangardista en fado, cando estamos a referir pezas como “Adiviñanza” ou “Amor imposible”. Galeguiza e fai Galicia ó través dunha canción de arrieiro–emigrante, como “Veño de Lonxe”; fai un himno ás viúvas do mar co “Soa”; destrúe fronteiras co “Celme encantado” facendo unha voda do Miño penetrando na mar nunha cópula xeográfica, entre España e Portugal. Sensible, coa sinxeleza reflectida na soidade dun máximo de tres instrumentos por peza, coa súa inconfundible voz que traspasa ventrículos e miocardios ata a fondura da i-alma, (xusto ó lado de onde se agachan as bágoas), cada canción parece estar enchida por unha orquestra filharmónica facendo de anxo da garda, coa madeira, metais, as cordas e os timbais … Este é un disco para escoitar con auriculares, co candil pechado, para non se perder nin a máis silandeira nota, a máis cativa do pentagrama… Cada corchea, cada fusa e semifusa, teñen o mesmo valor que os silencios, que o mel da voz de María do Ceo, que o seu estilo trocado a pegada, que un voo ledo e polo ceo… Noraboa, María do Ceo, por este excelente traballo…
ARMANDO GONZALEZ LOPEZ
- Amor imposible
- O Badal da Berenguela
- Celme Encantado
- Camiño longo
- Pombas feridas
- Cabecinha no ombro
- Soa
- Alfonsina e o mar
- Alma viaxeira
- Non me leves ó muiño
- Ledo e polo ceo
- Veño de lonxe
- Adiviñanza
- Himno Galego