- Años Después
- A Voz
- Ribeira Sacra
- Te Pedí el Corazón
- Tu Cuerpo Bolero
- Fado Ourensanía
- Raid
- Bolboreta en Remanso
- Castelao
- Sin llanto y sin pena
- Tras los Cristales
- Cinema Riós
- Caldo de Mourente
- Himno do Couto Mixto
PRÓLOGO:
MARÍA DO CEO: O COUTO MIXTO DA MÚSICA GALEGA
A sinxeleza é o mérito máis caro e difícil da música popular de autor. De cando me adicaba profesionalmente á composición e interpretación de cancións, lembro unha reflexión dun directivo discográfico que me dicía que o problema das nosas cancións (Os Reesentidos) era que impedían, para ben e para mal, compatibilizar a súa escoita con calquera outra cousa. Escoitando a estes anos a obra constante e coherente de María Do Ceo descubrín por qué: había certa arrogancia na miña fixación por explicar a vida, o mundo, Galicia e o desexo en cada verso e en cada compás. María Do Ceo é a hexemonía plena da inconquistable sinxeleza. A música de toda a vida que un desexaría desfrutar a vida toda. A música que habita no territorio das emocións contraditorias. A música compatible coa memoria e a melancolía, co baile mol da afectividade, sempre un pouco avariada. E lograr iso, seino, é ben difícil.
“Soños Cumpridos” é o último traballo de María Do Ceo. Soños cumpridos e ben cumpridos, María. Parabéns e grazas. Distinguiría a voz e as cancións de María Do Ceo entre millóns. Hai unha atmósfera envolvente nestas cancións. Esa fusión orgánica entre a música galega, a portuguesa e son latino transoceánico. Aquí podes sentirte furando a madrugada da ourensanía con Blanco Amor e Risco, tomando un café lusitano ao pé do Douro ou enlevado por un bolero na terraza nocturna do Hotel Nacional da Habana.
Tocoume xestionar o tesouro da música de María Do Ceo coa banda sonora do filme que producín de Laura Gárdos de Velo, “Años Después”. Un luxo. Tamén nese traballo estaba o talento, que se me antolla siamés con María, de Armando. Agora tamén nestes “Soños Cumpridos” algúns poemas do sempre ourensán e sorprendente Blanco Amor.
Non é anecdótico que no álbum se recolla tamén a épica contida do “Himno do Couto Mixto”, esa terra de ninguén e de todos, onde se fosilizou a memoria melancólica do que se frustrou e do que sempre desexaremos. Ese territorio “depende” de Galicia e Portugal. De ilusións fraternais, mestizas e solidarias. Por que esa néboa galega de fado portugués omnipresente na obra de María Do Ceo fai que ela mesma sexa o Couto Mixto feliz e sabio da música galega. Sempre María Do Ceo!
Antón Reixa.